A Asociación de Veciños de Chapela asegura que hai por parte do concello un abandono manifesto desta parroquia. Maleza, silveiras, excrementos de cans, lixo en xeral forman parte dos residuos que habitualmente enchen as rúas, unha situación que ao entender do colectivo débese a falta de xestión por parte do goberno local para facer cumprir a normativa existente en canto a limpeza de rúas e camiños e a propia deixazón do concello á hora de acometer as súas funcións neste sentido.
Denuncian dende a directiva da asociación que o Concello é o responsable directo de manter en perfecto estado tódolos viais de Chapela pero que a súa deixadez leva a que a maior parte das rúas e dos camiños estean invadidos por maleza e silveiras incluídas as vías principais Avenida de Vigo e Avenida de Redondela. Denuncian tamén o “estado totalmente selvático no que se atopa a vella vía do ferrocarril”.
Engaden que “a falta de xestión por parte do Goberno Municipal, para cumprir e facer cumprir os Bandos do Concello que obrigan a manter a parroquia limpa de malezas, silveiras, canaveiras, excrementos de cans e enseres inservibles” fai que os veciños “nos atopemos diariamente con este lixo en calquera punto”. Por este motivo fan un chamamento ao concello para que actúe e proceda a atallar esta situación.