O equipo de Chapela é o único invicto e o máximo goleador da Autonómica Sur cando se levan disputadas dez xornadas. A súa privilexiada situación terán que defendela nun interesante derbi co Arealonga, ao que os dous equipos chegan en plena forma. O partido disputarase no pavillón de Chapela o martes, día 8, ás 12.30 horas.
O cambio de data acordouse entre os dous clubs para facilitar que poidan acudir o maior número posible de espectadores, xa que se trata dun partido con moita expectación. Fran Amoedo, adestrador do Campito, rexeita o cartel de “favoritos” malia chegar á cita como líderes. O técnico salienta a calidade do Arealonga, que ocupa a cuarta praza do grupo, empatado a puntos co terceiro, e augura que será un partido fermoso para ambas afeccións. O resultado deste derbi matizará as posicións dos equipos situados na cabeza da táboa, cando o Campito está no máis alto. Unha situación que para Amoedo “supera todas as expectativas”. Recoñece que son o equipo “revelación” desta primeira volta, pero é prudente e advirte que deben ir “pasiño a pasiño”.O triunfo da pasada xornada ante un rival directo, o Tui Futsal, non só os levou ao máis alto da táboa, senón que lles permite mudar os seus obxectivos. Suman 26 puntos, moi preto dos 30 que se marcaban como garantía de permanencia. Agora, coa categoría practicamente salvada, queren ollar cara arriba, pero cos pés na terra. Amoedo afirma que será a propia competición “a que poña a cadaquén no seu sitio”. Por outra banda o Redondela, que gañaba ao Bar Plaza GarciaAraujo na estrea do novo técnico Juan Manuel Nogueira, quere seguir na liña ascendente. Enfróntase na vindeira xornada ao Verín Futsal, da metade da táboa.