Artistas e colectivos culturais de Redondela participarán por vez primeira na Culturgal baixo unha iniciativa común que parte da Concellería de Cultura e que aglutina sete iniciativas diversas. Baixo o lema “Nin un títere sen cabeza” estarán presentes no estand de Redondela as propostas musicais de Tatán, Alberto Vilas e a Orquestra de Saxos así como a plataforma Son de Redondela, a Asociación Arela co seu libro Mulleres de Saxamonde, e as asociacións Alén Nós e a Cultural de Rande cos seus proxectos en defensa do patrimonio.
Unha proposta da Concellería de Cultura que busca dar a coñecer todas estas iniciativas na Feira das industrias culturais que se vai celebrar no Pazo da Cultura de Pontevedra do 4 ao 6 de decembro así como favorecer que eses colectivos poidan incluso establecer relacións profesionais que se concreten en xiras e contratacións. No stand do concello achegarase ademais información das manifestación culturais e festivas máis importantes do municipio. Culturgal é unha feira de carácter anual na que ese dan cita o mellor da produción cultural galega e pola que pasan durante os tres días arredor de 15.000 persoas. Unha afluencia de público que supón unha oportunidade para os participantes de darse a coñecer e promover as súas ofertas culturais. Así o entende o concelleiro de Cultura, Xabier Alonso quen decidiu apostar por estar presente nesta feira e facilitar a participación neste escaparate de todas aquelas iniciativas protagonizadas por artistas locais que así o desexaran. Sumáronse a este proxecto músicos, asociacións e iniciativas culturais en xeral. Entre os participante atopamos as propostas musicais de Tatán, Alberto Vilas, a Orquestra de Saxos de Redondela e a plataforma de difusión de música Son de Redondeala. O polifacético actor e músico Tatán valora moi positivamente a posibilidade de achegar ao Culturgal o seu disco “Chapeu”. Uns discos que asinará o domingo ás 19:30 horas logo de ofrecer un concerto as seis. Pedro Pérez estará tamén presente no stand de Redondela con dous traballos “Walther Mathaus” da súa formación musical e “Son titiriteiro”, un disco no que se inclúen músicas elaboradas expresamente polos grupos e solistas do noso concello co gallo de colaborar co Festival Internacional de Títeres de Redondela. Pola sua banda, o músico Alberto Vilas valora moi positivamente que os artistas sexan convidados a participar desta iniciativa “nun momento difícil para a cultura”. Aproveitará a súa presenza no Culturgal para promocionar os seus discos “Experianza” e “Crónica cromática”. Non faltará no apartado musical a Orquestra de Saxos de Redondela cos seus últimos traballos “En Sax Simón” e “Camiña Don Saxo”. Como incorporación de última hora, pero non por iso menos importante, sumouse tamén a esta convocatoria a Asociación de Mulleres Arela e o seu libro recentemente publicado “mulleres de Saxamonde”. Marga García valora moi positivamente a súa presenza na feira “porque queremos que a nosa idea, publicar un libro cunha ollada de muller, sexa unha idea exportable”. Unhas propostas que se completan con dous colectivos culturais, Alén Nos e a Asociación Cultural e Deportiva de Rande que aproveitarán o seu paso polo Culturgal para promover iniciativas en defensa do patrimonio centradas na creación do Mudhar, o museo de historia e antropoloxía de Redondela e a promoción do patrimonio arqueolóxico e industrial de Rande.