Tanto os usuarios do vial como a propia asociación de veciños aseguran que o estado no que se atopa o camiño é desastroso e advirten que a falta de mantemento podería ocasionar graves problemas con árbores que ameazan con desprenderse en calquera momento e o asfalto “totalmente oco por debaixo do que debería ser o firme”. Instan a concelleira responsable de vías e obras, Mª José Barciela a que visite o lugar e acometa de xeito inmediato o arranxo “destes e doutros camiños que se atopan tamén en situación lamentable”.
A presidenta da asociación de Veciños, Angela Méndez explica que logo de recibir as queixas dos residentes nas inmediacións do Camiño da Grila comprobaron eles mesmos “a situación desastrosa e de gran perigo deste vial”. Neste sentido apuntan que un tramo do camiño está separado da estrada cunha gran fenda, que “o asfalto está roto, fáltanlle cachos e ademais está totalmente oco por debaixo do que debería ser o firme o que fai que o camiño quede literalmente no aire”. Apuntan tamén que a causa do desprendemento de parte do camiño o valado de protección tamén rompeu e que a zona está sen limpar e rodeada de malezas.
Engaden a todo isto que a presa onde cae a auga do regato (que os veciños denunciaron en varias ocasións, polo arrastre de augas fecais con cheiros insoportables) tamén esta chea terra e de maleza e que enriba da referida presa hai unhas árbores de grandes dimensións, en situación moi perigosa, que se atopan o limite e ameazan con desprenderse en calquera intre.
Dende a Asociación de Veciños de Chapela critican a “desidia do concello no referente ao mantemento deste e doutros camiños da parroquia”.
Por este motivo instan a que o departamento de Vías e obras actúe e proceda ao arranxo inmediato deste camiño.