Actualmente tan só tres trens en cada sentido fan parada na nova estación de Redondela que carece ademais de persoal que atenda as posibles demandas dos usuarios. A denuncia chegaba unha vez máis ao pleno da man, neste caso, do partido socialista. A súa proposta, que pasa por esixir a Fomento que se incremente o número de frecuencias que fan parada na nova estación e que se dote de servizos esta infraestrutura, foi aprobada cos votos a favor de toda a corporación. Unha estación que tanto AER como BNG cualificaron de “estación pantasma”.
Todos os partidos, incluído o PP, apoiaron a moción socialista de solicitar cambios na estación encamiñados a dotala de maiores servizos e persoal. Tamén reclaman da Xunta que poña en marcha e potencie o servizo de proximidade. Os socialistas apuntaron neste sentido que se trata “dunha gran estación que pode e debe ser un xeito de dinamizar o noso concello, un punto de referencia que debería potenciarse para que os veciños de toda a comarca (uns 100.000 usuarios potenciais en palabras do socialista Leonardo Cabaleiro) se despracen ao noso concello para facer uso do tren. No mesmo sentido se manifestaba o nacionalista Xoan Carlos González quen lembraba “o importante foco de atracción que debería ser esta estación sobre todo coa posta en marcha da futura área metropolitana”. Dende AER lembraban o deterioro que pode sufrir esta “estación pantasma que custou máis de 7 millóns de euros” se non se lle da un maior uso. Os populares, que apoiaron a proposta, lembraron que xa están en conversas co Ministerio de Fomento de cara a que se incremente o número de frecuencias e se dote de persoal esta estación que a día de hoxe non conta con traballadores “o que obriga aos usuarios a retirar os seus billetes en máquinas expendedoras”.