En Redondela o temporal está a deixar numerosas incidencias, aínda que ningunha delas de gravidade. Desde o Grumir informan da caída dunha árbore no Paseo do Pexegueiro, que xa foi retirada, e de anegamentos e bolsas de auga en diferentes estradas.
É o caso da avenida Mendiño e varias rúas en Saxamonde, véndose afectado tamén un tramo do Camiño de Santiago nesta parroquia. Os efectivos de emerxencias traballan para desatascar as canalización das augas pluviais onde están atoradas. Noutros puntos limítanse a sinalizar a zona da estrada anegada, xa que a crecida do río impide que desaugue. Os servizos de emerxencias recomendan á cidadanía que manteña a precaución, sobre todo nas estradas, e que reduza a velocidade ao volante especialmente nas estradas secundarias.