Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco deixa escapar dous puntos

RR_Noticias

A sete minutos para o final do encontro ante o Negreira os de Marcos Montes encaixaron o gol do empate. Foi nunha xornada marcada pola choiva no campo de Santa Mariña e que condicionou de forma notable o xogo. Na Segunda Autonómica o Choco B goleou ao Vilariño e o Chapela perdeu ante A Guía.

Terceira División
Choco 1-1 Negreira
A situación meteorolóxica foi determinante. De feito, todo apuntaba a que o partido non se ía a poder disputar posto que a intensa choiva caída provocara que Santa Mariña estivese impracticable. Con todo, as condicións meteorolóxicas concederon unha pequena tregua e o campo redondelán drenou o xusto para que o partido comezase. Pero o Choco non estaba cómodo e careceu de xogo ofensivo. Con todo, logrou adiantarse no marcador aos dous minutos grazas a unha acción persoal de Hugo Sanmartín que cun disparo cruzado desde o pico da área para superar a Alberto González.
Cun gol de vantaxe, o Choco tratou de refuxiarse ante un Negreira que buscou unha e outra vez o empate. Pola súa banda, o Choco, sufriu moito ao non poder combinar con velocidade. Desta forma os de Montes non foron quen de ampliar a vantaxe e houbo un claro predominio do xogo defensivo. A primeira novidade chegou no inicio do segundo acto coa segunda cartolina amarela de Alberto Mariño, que deixou ao seu equipo en inferioridade. Os locais, cun xogador máis e en vantaxe, parecían ter encarrilado o enfrontamento, pero seguían con dificultades para combinar e chegou a igualada. Unha falta lateral terminou no segundo pau onde Quintairos meteu a bota para establecer a igualada a falta de seis minutos. Iso si, polo menos o conxunto de Marcos Montes acumula unha xornada máis sen coñecer a derrota e xa van sete consecutivas, e o punto permítelle ascender á terceira posición. O domingo xogarán no campo do Mugardos, da parte baixa da táboa.
Segunda Autonómica

Vilariño 0-5 Choco B
O filial do Choco, na quinta praza, impúxose por goleada ante un rival máis feble, con tres goles de Iván, con Samuel e Bouzón completando o marcador. Son cuartos do grupo, e a próxima xornada recibirán ao Gondomar, da parte baixa da táboa
Chapela 0-1 A Guía
O Chapela non puido cun dos equipos fortes do campionato, A Guía, que deixou a iniciativa para os locais e aproveitou as contras. Sacáronlle rendemento á táctica os vigueses e fixéronse cos tres puntos cun gol de Antón no minuto 64. O Chapela tentouno ata o final, pero non estiveron acertados de cara a portería. Son novenos, e a próxima xornada visitan o campo do Alcabre, situado na parte baixa da táboa.
Terceira Autonómica

Cesantes 3-3 Cotobade
Reparto de puntos nun partido con moitos goles entre o Cesantes e o Cotobade. O punto non serve aos redondeláns para escapar da parte baixa da táboa. A próxima fin de semana xogan no campo do Caroi, nunha situación aínda peor ao do Cesantes, e moi necesitado de puntos.
Balaídos 9-2 Beretes Chapela
O Peña Beretes non sae do pozo, e onte caeu goleado ante o Balaídos. Seguen penúltimos, e xa sen opcións de mellorar esta posición. A próxima xornada reciben ao Sol Invictus, da metade da táboa.
At. Vilar 1-5 Tomiño
Os redondeláns foron superados polo líder, o Tomiño, e afástanse máis da cabeza da táboa, malia que seguen na terceira praza. A próxima fin de semana teñen xornada de descanso.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará