O proxecto, aprobado por unanimidade en pleno, busca captar fondos Feder e inclúe a posta en marcha dun transporte urbano sostible, a creación de novas sendas verdes e paseos peonís e a creación de novos espazos culturais así como novas instalacións deportivas. En total 6.250.000 euros pendentes da boa acollida que o proxecto Redondela2020 teña en Europa.
Nun documento de 150 páxinas o Concello recolle as debilidades do municipio, marcadas por un crecemento estrangulado pola cidade de Vigo, a ausencia dun tecido empresarial específico ou unha poboación dispersa e con tendencia ao envellecemento. Pero tamén se salientan as súas potencialidades: unha importante riqueza natural e paisaxística, importantes elementos de valor patrimonial e histórico, unha ampla programación cultural e participación cidadá así como a súa experiencia á hora de executar de xeito correcto os anteriores proxectos Marisma e Marisma Máis tamén financiados con Fondos Europeos. Partindo desta realidade, o novo proxecto márcase “un reto económico, ambiental, demográfico e social” en palabras de popular Carmen Amoedo e presenta unha serie de liñas estratéxicas para cuxo financiamento sería preciso captar ata 6,2 millóns de euros dos fondos Feder. Uns cartos que servirían para financiar actuacións relacionadas coa mobilidade sostible, a supresión de barreiras arquitectónicas, a humanización e acondicionamento de novas sendas verdes e paseos peonís que poñan en valor o patrimonio medioambiental, arquitectónico, histórico e cultural de Redondela. Tamén se contemplan accións orientadas a potenciar a cultura coa creación de novos espazos así como novos eventos e rutas culturais. No documento elaborado polo goberno local recóllense tamén accións enmarcadas no plano deportivo coa creación de novas instalacións, a modernización da administración electrónica e a implementación de políticas de aforro enerxético para lograr unha mellor eficiencia.