Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Quinielas para a formación do novo goberno

RR_Noticias

A pluralidade do novo parlamento fai que a aritmética para formar goberno sexa máis complexa ca nunca. Moitos redondeláns entenden que unha alianza entre PP, PSOE e Ciudadanos sería o mellor. Outros confían nun pacto de esquerdas “á portuguesa”. E hai quen advirte que ningún acordo será posible, polo que auguran novas eleccións.

Os resultados electorais deixaron un Congreso dos Deputados máis plural ca nunca, sen ningún partido con maioría suficiente para formar goberno. Aos grandes partidos, PP e PSOE, tampouco lles vale aliarse cun único socio para acadar a maioría absoluta, que pasaría polo apoio dun terceiro partido. A única suma suficiente sería a de PP e PSOE, pola que apostan os populares e os socialistas rexeitan. Cando menos polo de agora. En abril remata o prazo que outorga a Constitución para a elección do presidente do Goberno. Se ningún candidato obtivo máis votos a favor que en contra, disolveranse as Cortes e convocaranse novas eleccións, que se celebrarían en xuño. Un extremo pouco probable, segundo veciños como José, que entende que a celebración de novos comicios “non lle interesa aos grandes partidos”. Opinión que comparte Francisco, quen aposta por un acordo a tres entre PP, PSOE e Ciudadanos. Advirte que uns novos comicios serían “letais” para os socialistas, e tampouco beneficiarían á situación do país. Tamén Pablo confía nese acordo a tres bandas, semellante ao que fixo posible que Patxi López sexa presidente do Congreso. Para este mozo redondelán sería “o máis sensato”. Pero non todos son teñen tanta confianza en que os grandes partidos poidan chegar a acordos. Maribel entende que non se fraguarán alianzas, xa que o PSOE non pode pactar con Podemos “a calquera prezo”, e tampouco co PP. Tamén Jesús ve moi probable a celebración de novas eleccións na primavera, sinala que é “moi difícil” que PP, PSOE e Ciudadanos poidan chegar a un acordo. Pero aínda hai tempo. Nos próximos días o Rei recibirá aos representantes dos partidos para coñecer a súa posición sobre as posibles candidaturas á presidencia. A finais de xaneiro o monarca trasladaralle a Patxi López un candidato á investidura e convocarase a primeira votación. Pero se a finais de marzo ningún candidato obtivo a confianza convocaranse novas eleccións, que se celebrarían o 29 de maio ou 5 de xuño.    

Franciso: pacto a tres
Para este veciño unhas novas eleccións serían prexudiciais e aposta por un acordo entre PP PSOE e C´s.
Pablo: acordo sensato
Este mozo redondelán tamén aposta por unha alianza entre PP PSOE e C´s.
Maribel: non haberá acordo
Para esta veciña é moi difícil que o PSOE chegue a un pacto con Podemos e tampouco co PP.
Jesús: novas eleccións
O acordo é moi complicado polo que Jesús pensa que haberá novas eleccións.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará