Fochancas, firme en mal estado, asfalto solto, beirarrúas levantadas, camiños cheos de maleza e sen limpar, falta de puntos de luz que obriga aos veciños a empregar lanternas para acceder ás súas vivendas… esa é a descrición que a presidenta da Asociación de Veciños de Chapela fai da súa parroquia. Asegura que todos estes problemas xa foron postos en coñecemento do goberno local “primeiro de palabra e logo a través dun escrito por rexistro” sen que dende a administración se teña feito nada para darlle arranxo.
“O seguinte será poñer unha pancarta en cada un dos puntos denunciados para que todos os veciños sexan conscientes de que o goberno local é coñecedor dos problemas pero se nega a darlle unha solución” así o explica a presidenta da Asociación de Veciños Anxeles Méndez. As últimas queixas presentadas no concello foron rexistradas na última semana e fan referencia ao camiño do Castañal “que presenta unha situación lamentable, perigosa e de total deixadez cun firme intransitable e cheo de buracos” así como ao camiño dos Balandros “cuxo estado responde a ausencia do máis mínimo mantemento”. Con todo Méndez insiste en que a situación pódese estender a outros moitos puntos da parroquia: o camiño dos Olmos, o dos Salgueiros, o camiño da Correola na zona da Pousadoura, o camiño Real en Angorén ou a Subida a Cidadelle, entre outros. Un abandono que tamén se detecta nas rúas principais da parroquia xa que, segundo explica a presidenta do colectivo veciñal, tanto a Avenida de Redondela como a Avenida de Vigo, as dúas arterias principais que percorren Chapela, “presentan desperfectos debido a falta de mantemento e de limpeza”. Os membros da asociación aseguran non entender a falta de vontade por arranxar todas estas anomalías e desperfectos e instan ao goberno a acometer os arranxos que sexan necesarios para deixar estes camiños no estado óptimo para o seu uso por parte de peóns e vehículos.