A persecución iniciouse logo de que unha dotación policial descubrira un camión roubado estacionado na beirarrúa da avenida do aeroporto. O condutor, un veciño de Mos de 33 anos de idade con numerosos antecedentes policiais, iniciou unha desenfreada fuxida a 140 quilómetros por hora. Ao chegar ao casco urbano o vehículo internouse nunha rúa e impactou contra unha furgoneta que se atopaba estacionada no lugar, momento no que o detido iniciou unha fuxida a pé ata que foi interceptado por tres axentes que o detiveron na rúa Miña. Pasou a disposición xudicial por un delito de roubo de vehículo e outro contra a seguridade do tráfico.
Os feitos tiveron lugar a última hora da mañá do pasado luns cando unha dotación policial que patrullaba polas inmediacións do IFEVI decatouse da presenza dun camión cuxo roubo fora denunciado horas antes. O condutor, ao decatarse da presenza policial, iniciou unha fuxida que o levou a percorrer as estradas N-555 e N-550 superando os 140 quilómetros hora e poñendo en perigo tanto a súa propia integridade como a dos outros usuarios da vía, pisando liñas continuas, adiantando en zona sen visibilidade e obrigando ao resto dos vehículos a botarse a beiravía para non colidir.
Xa na entrada de Redondela o condutor xirou polo Camiño Antiga Vía do Tren onde impactaría contra unha furgoneta que se atopaba estacionada ao final da rúa. Iniciouse a continuación unha persecución a pé que levou ao condutor a Rúa Pedro de Montao e a Rúa Ernestina Otero sendo finalmente detido na Rúa Miña.
Unha vez en dependencias policiais a policía comprobou que o detido tiña 79 antecedentes ademais dunha orde de busca e captura e estaba pendente do seu ingreso en presión. O detido pasou a disposición do xulgado de instrución en función de garda de Vigo.