Unha cita gastronómica enmarcada no programa das Festas na honra de San Vicente que arrancaron hoxe venres e que se prolongarán durante a fin de semana con actividades para os máis pequenos, verbenas, actos relixiosos e a Festa do Cocido. O humor está asegurado co espectáculo de Pepo Suevos o domingo a partir das catro da tarde.
O programa arrancou hoxe con pasarrúas e misas durante toda a mañá nunha xornada na que os actos festivos se centrarán no horario nocturno con verbena amenizada polas orquestras Cinema e Miramar a partir da nova da noite. O groso das actividades centraranse na fin de semana. O sábado cobran protagonismo os máis pequenos con xogos populares e cucañas no recinto da festa a partir das 16.30 horas. Haberá tamén animación infantil. Xa pola noite a verbena que arrancará ás 21.30 horas contará coas orquestras Televisión e Pontevedra. O domingo terá lugar a VII edición da Festa do cocido. Por 20 euros os comensais poderán degustar un completo menú con sopa, cocido, sobremesas, viño, café e chupito previa reserva nos teléfono 663176951 ou na propia cantina do Centro Cultural. O humor, que cada ano vai cobrando maior relevancia, correrá a cargo do actor e contacontos Pepo Suevos, unha cita que segundo recoñece o presidente da comisión de festas Juan González está a espertar moitísimo interese. A programación deste ano rematará coa animación a cargo do grupo de gaitas “Os Xuveniles” de Chapela ás 18:00 horas. Dende a organización animan aos veciños a se achegar e insisten en que hai habilitado un recinto cuberto cunha gran carpa climatizada para evitar as inclemencias meteorolóxicas.