O PSOE leva unha moción ao pleno na que demandan a adopción de diferentes medidas encamiñadas a paliar o deterioro deste espazo agravado pola falta de mantemento. Denuncian o as instalacións presentan “varandas rotas que fan que os accesos sexan perigosos, falta de puntos de luz e un palco da música que cae a anacos”. Reclaman un plan integral que recupere o lugar así como a posta en marcha dun observatorio para o estudo e sensibilización do Monte da Peneda.
O Monte da Peneda situado na Parroquia do Viso é un dos elementos naturais construtivos de maior valor da nosa vila. Unha zona de gran valor paisaxístico que, segundo salientan os socialistas desempeñou un importante papel na evolución da contorna de Redondela e na formación da paisaxe debido a súa posición estratéxica. Con todo, na vez de ser a día de hoxe un lugar de esparexemento “o Monte da Peneda convértese nun lugar perigoso debido a falta de mantemento por parte do Concello con varandas rotas que non cumpren o seu labor de protexer ás persoas nas zonas de chanzos ou de bastante altura. Á falta de puntos de luz engádeselle que o farol existente está oxidado coa lámpada escachada, aumentando o risco debido aos cables soltos do único punto de luz. Ademais, o palco de música que se emprega para os eventos que se celebran na devandita zona é unha estrutura desfeita que cae a anacos”.
Critican ademais que a pouca sinalización dos lugares de interese e cos paneis informativos en moi mal estado a divulgación do lugar é moi deficiente. Neste sentido o edil socialista Leonardo Cabaleiro declara “non podemos tolerar a situación de deterioro pola falta de mantemento que está a sufrir o Monte da Peneda porque é parte da riqueza da nosa vila” motivo polo que “ante a inactividade do Goberno Municipal popular, solicitamos ao pleno un Plan Integral onde se contemple un Observatorio para o estudo e sensibilización do Monte da Peneda”.