O alcalde de Redondela amósase optimista sobre a pronta posta en marcha da área metropolitana logo dunha semana cargada de reunións. O luns os alcaldes reuníanse convocados polo rexedor vigués, Abel Caballero e onte facíano a expensas da Xunta. Na mañá de hoxe Bas convocaba aos voceiros dos resto dos grupos municipais para trasladarlles que a maior parte dos atrancos iniciais están resoltos e que só falta por concretar a gobernanza e chegar a un acordo definitivo sobre o transporte. Dúas cuestións de relevancia pero nas que se deron pasos importantes de cara a atoparlle unha solución que satisfaga a todos. Aventura en todo caso que “estamos preto do acordo definitivo”.
Integrar transporte urbano e interurbano é a proposta que defende o alcalde de Redondela por ser a máis beneficiosa para os veciños “non ten ningún sentido que unha vez en Vigo haxa que pagar outro billete para usar o Vitrasa, para evitar esa situación o máis lóxico sería unha xestión integral do transporte”. Unha solución que non convence a Caballero quen deixou sobre a mesa a proposta de creación dun comité de coordinación de forma que o transporte urbano seguiría en mans de Vigo pero sería dito comité o encargado de coordinar ese servizo co interurbano. Para chegar a un consenso o goberno galego está disposto a aceptar a fórmula do comité, de xeito que Vigo mantería a competencia do transporte urbano pero a área no seu conxunto podería decidir sobre rutas, frecuencias e paradas dentro da cidade das liñas procedentes doutros municipios. O próximo paso para seguir avanzando nas negociacións será xa na vindeira semana cando está previsto que se celebre unha nova reunión na que se abordaría as competencias concretas do comité que coordinará o transporte.