A posibilidade de que se adiasen as actividades previstas para este martes de entroido estaba sobre a mesa á espera dos prognósticos meteorolóxicos. Malia a reticencia do Concello a desprazar o espectáculo da queima do meco e o resto das citas que se ían desenvolver durante a tarde de mañá, finalmente decidiron pospoñer o conxuntoda programación ao vinderio domingo.
Finalmente os responsables municipais acordaron adiar as actividades programadas para mañá cara a fin de semana conscientes de que a celebración do espectáculo Errante, con saltimbanquis e lume, quedaría notablemente deslucido no caso de precipitacións. Incluso no caso de chuvias persistentes podería ser que o meco non chegara a arder. De feito, estes días esa figura, que representa o maltrato animal, está completamente cuberta de plástico, para evitar que a auga o empape e dificulte a acción do lume.O conxunto das actividades, incluídas as propostas orientadas aos nenos, obradoiros e animación musical, que estaban previstas na Alameda de Redondela así como o concurso de disfraces trasládase ao vindeiro domingo.Unha decisión que en todo caso non impedirá que a festa continúe en Redondela, xa que o martes de entroido está caracterizado pola participación dos centos de veciños que saen as rúas disfrazados e que dende hai semanas teñen xa os seus xantares organizados.
A festa está ademais asegurada grazas ás inciativas dalgúns locais de hostalaría. Así os locais Lolita, Madison, Guay, Cruceiro e Los leones instalaron unha carpa na praza Figueroa que permitirá aos que alí se congreguen evitar a chuvia. A partir das 19:00 horas a carpa estará amenizada polo Dj Xoel Muiños.