Por vez primeira na súa historia a asociación Escena Galega que aglutina a gran parte das compañías profesionais de teatro de Galicia e que preside Belén Pichel, sae de Santiago para presentarse ante o público nun acto que terá lugar na xornada do domingo en Redondela. Darse a coñecer e achegarse ao público é o obxectivo desta cita que se desenvolverá na Casa da Cultura ás 17:00 horas. Un encontro que o concelleiro de cultura, Xabier Alonso cualifica de “todo un luxo para Redondela”. Dende a directiva da Asociación, Tatán, da compañía de títeres Tanxarina, anima aos veciños a achegarse e charlar cos membros de Escena Galega nunha cita que esperan sexa enriquecedora para todas as partes.
A Asociación, logo de varios anos sufrindo a precariedade que en xeral padecen as compañías de teatro en Galicia, busca ser un referente e imprimir a todos os seus asociados, na actualidade un total de 27 compañías, “un selo de calidade” que garanta que detrás dese selo atópanse profesionais que traballan en espectáculos de calidade e cumprindo os convenios en material laboral. “O noso obxectivo é contar ao público quen somos e que facemos” explica Tatán, quen apunta tamén a necesidade de “trasladar a calquera concello e asociación que cando contrate compañías de Escena galega saiban que están contratando propostas de calidade”. Chévere, Voadora, il Maquinario Teatro, Redrum ou A Panadaría son algunhas das compañías que forman parte da Asociación e que estarán presentes na charla aberta que se desenvolverá o domingo 14 ás 17:00 horas na Casa da Cultura. Un primeiro “acto de aproximación ao público” que quere ser o inicio de novas dinámicas de traballo dende a propia asociación e que os levarán a outros municipios do país, segundo explicaba Tatán. Con esta e outras iniciativas a intención é reimpulsar Escena Galega, crear novas dinámicas de traballo nun momento de dificultades para o sector “que ve como paulatinamente foi descendendo o número de asistentes que se achegan ás representacións teatrais” e converter a asociación nunha ferramenta institucional que sexa representativa do tecido empresarial das industrias culturais galegas.