Nove personaxes e un asasinato. Unha comedia policíaca ao puro estilo Aghata Christie cunha protagonista, a Marquesa de Vadillo, unha muller xovial que pretender vivir os últimos anos da súa vida de xeito intenso e peculiar pero cuxo destino vai cambiar dramaticamente ao aparecer asasinada nos seus aposentos… Unha investigación para descubrir ao asasino e que requerirá a colaboración do público no escenario do Multiusos da Xunqueira o sábado ás 20:00 horas. Prezo 5€ entrada normal, 3€ entrada reducida.
Unha comedia policial clásica onde o enredo e o humor son clave e na que o inspector terá un duro traballo para descubrir quen foi o asasino entre os potenciais sospeitosos: o mordomo, o administración, a amante ou a doncela. A análise da escena do crime así como os diferentes interrogatorios serán claves para o desenlace final. A todo isto haberá que engadir dous ingredientes propios da compañía: a intervención do público asistente na sala e un elemento metateatral ao trasladar tamén ao espectador como os actores viven a representación nos seus camerinos. Teatro el Zurdo, cunha ampla experiencia na escena logo de 20 anos sobre as táboas chega a Redondela co seu elenco ao completo: Nuria Benet, Miguel Barderas, Beatrice Binotti, Roberto Drago, Eugenio Gómez, Rebeca Medina, Paco Revaliente, Fernando Otero e Grozdan Aleksandrov “Tozo” baixo a dirección do redondelán Luis Crespo.