O titular da Xunta visitou as zonas afectadas polo temporal deste fin de semana cunha parada na parroquia de Santo Estevo de Negros lugar afectado polo desprendemento de terras que levou por diante muros e coches. Achegouse tamén á zona do Salgueiral, lugar no que veciños e comerciantes recuperan a normalidade logo de ver como as súas propiedades se anegaban tras o desbordamento do río Maceiras. Feijoo asegura que tamén os afectados que carezan de seguro e que, polo tanto, non poidan acceder ás axudas do consorcio de compensacións recibirán apoio económico por parte da administración.
O Consello da Xunta reunirase mañá xoves para realizar unha primeira avaliación dos danos ocasionados polo temporal. O presidente da Xunta anunciou en Redondela que o goberno galego está a disposición do Concello para dar unha resposta a aquelas persoas que por non ter seguro non dispoñen dunha cobertura dos danos sufridos nos seus bens, de xeito que “poidan ter un acollemento” por parte da Administración autonómica, provincial ou local. Feijóo quixo felicitar ao pobo de Redondela, a todos os voluntarios, os veciños, e ao equipo de goberno do Concello porque, dixo, grazas ao seu traballo “estase en disposición de recuperar case ao cen por cen a normalidade deste concello”. Agradeceu, así, a solidariedade amosada polos redondeláns que “mandaron unha mensaxe a moitos outros pobos galegos afectados tamén polo temporal, e a outros pobos españois” que permite que hoxe, “a pesar das circunstancias, en 48 horas a maioría dos problemas estean solucionados e a totalidade dos problemas estean identificados”. O alcalde de Redondela, Javier Bas, que percorreu a zona xunto a Feijoo e o subdelegado do goberno, garantiu tamén que dende o concello axudarase a todos os afectados a xestionar as axudas ás que teñan dereito. Neste sentido os veciños da parroquia de Negros teñen previsto entregar unha valoración dos danos causados para poder así estudar ás axudas ás que teñen dereito, tanto os que teñen cobertura como os que carecen de seguro. Traballos de recuperación As tarefas de limpeza continúan, principalmente na parroquia de Negros. Na xornada de onte a Deputación de Pontevedra enviou persoal e maquinaria para colaborar co concello nos traballos de recuperación. O volume de escombro a retirar, obrigou aos servizos de mabas administracións, a coordinarse para garantir a seguridade viaria durante os traballos e o tratamento dos residuos, polo que o Concello comprometeuse a tramitar ante o Ministerio de Fomento todas as autorizacións necesarias para poder cortar un carril da N-555, así como a localizar un punto de verquido que poida recoller todo o material que se vai extraer, momento no que a maquinaria de gran tonelaxe da Deputación reanudará os traballos.