A xornalista de As Neves faise co primeiro premio do concurso literario cunha narración contada a través da visión de tres mulleres dunha mesma familia. “Biografía dun saco de patacas ao lombo” da psicóloga e educadora social Sandra Martínez, fíxose co segundo premio.
No seu ditamen o xurado do XVI edición do certame literario de relatos curtos Os Viadutos salienta a perspectiva do relato da xornalista de As Neves Sara Vilas, quen presentou unha narración contada a través da visión de tres mulleres pertencentes a unha mesma familia. Un texto “escrito con vontade de estilo, dominio técnico e unha gran carga emotiva que o converte nunha historia viva e chea de forza narrativa” que lle fixo merecedora deste primeiro premio dotado con 1.200 euros.
En segundo lugar quedou o relato “Biografía dun saco de patacas ao lombo” de Sandra Martínez, natural de Santiago de Compostela e psicóloga e educadora social. Un texto de gran “calidade narrativa na descrición da incerteza, a precariedade laboral e a frustración dunha xeración de mozos asolada pola crise” polo que a súa autora recibirá 600 euros.
O xurado concede tamén dous accésit aos relatos presentados por Elena Dopico e David Moreira, neste caso sen dotación económica.