Solicitan ao goberno local que se proceda a sinalizar con pictogramas os edificios, dependencias, instalacións e espazos públicos do Concello de Redondela. A medida serviría para eliminar as barreiras cognitivas coas que se atopan as persoas con necesidades diferentes. Beneficiaría particularmente a persoas con trastornos do espectro do autismo ao favorecer a súa accesibilidade a diferentes servizos, así como a outros colectivos que atoparán nos pictogramas unha valiosa axuda.
O obxecto desta iniciativa é facilitar que as persoas que presentan problemas cognitivos diversos poidan acceder á información e procesala para utilizala na súa adaptación ao medio. Un pictograma é unha representación visual dunha realidade, que pode ser un obxecto, unha acción, un concepto abstracto e mesmo un elemento e que garanten a comprensión da mensaxe que emitimos, poñendo imaxes ás palabras.
Cando empregamos pictogramas, explican dende a Agrupación de Electores “o entorno vólvese máis previsible e comprensible á hora de orientarse e de utilizar os servizos”. Isto beneficiaría particularmente a persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA) e por extensión, a outros colectivos que se verán beneficiados deste tipo de adaptacións e atoparán nos pictogramas unha valiosa axuda (persoas con discapacidades cognitivas e mentais, persoas con incapacidade na fala, persoas maiores, nenos e nenas, persoas analfabetas funcionais ou mesmo estranxeiros que descoñecen o noso idioma).
Trátase de cambios sinxelos que contribúen ao benestar e á igualdade de dereitos das persoas con discapacidade en xeral e con autismo en particular, dándolles a oportunidade de participar de forma activa na sociedade.
Tamén solicitan ao concello que se coordine cos demais organismos oficiais con dependencias en Redondela para que colaboren con esta iniciativa de sinalización con pictogramas nos seus espazos no noso concello. (Centro de saúde; Albergue peregrinos (casa da torre); Xulgados, Policía Nacional, INSS, Servizo Galego de Colocación, SEPE, …).