O Multiúsos da Xunqueira acolle este domingo ás 18:00 horas a segunda representación do ciclo de teatro infantil Teatro Cativo cunha obra de teatro-musical a cargo da compañía galego-andaluza Escuadra 17. Paulo Medal e Almudena Zurita, responsables tamén das visitas teatralizadas que periodicamente se realizan no museo Meirande, son os encargados de dar vida aos protagonistas desta obra orientada ao público familiar.
Baixo a dirección de Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, O Camiño de Santiago convida aos pequenos a emprender unha viaxe na compaña de dous irmáns -Santiago e Mariña- que lles farán reflexionar sobre o egoísmo e a solidariedade, á vez que traballan valores como a coordinación, os medos ou a tolerancia mediante as cancións do espectáculo. As personaxes dos contos de Santiago son as que conseguirán achegar aos máis cativos diferentes idiomas: as cores en inglés con “Carapuchiña Vermella”, os números en francés co “Gato con botas” e as partes do dia en italiano con “Pinocho”. Parte da historia cóntase a través dos obxectos dos irmáns, personaxes de contos representados por monicreques. O prezo da entrada é de 3 € para público infantil (e estudantes, persoas desempregadas e xubiladas e menores de 18 anos) e 5 € para público adulto. Pódense mercar dende 2 días antes a cada función no multiúsos da Xunqueira, e dúas horas antes o mesmo día do espectáculo. Visitas teatralizadas no Meirande A Compañía Escuadra 17 é tamén a responsable das visitas teatralizadas que a Concellerái de Cultura organiza periodicamente no centro de interpretación da batalla e que se retoman este sábado 27 a partir das 16:30 horas. A entrada é de balde pero cómpre facer as reservas no 986 458891 ou no museomeirande@redondela.es