O pleno de Redondela aprobou onte por unanimidade unha moción presentada polos populares para reclamar á Deputación un proxecto de mellora da seguridade vial na estrada que comunica O Viso con Soutomaior (estrada provincial EP-2901). A moción contou co apoio de todos os grupos malia que dende a oposición criticaron ao PP “o oportunismo da proposta, por non ter demandado este tipo de medidas cando o organismo provincial estaba en mans do popular Rafael Louzán”.
A voceira do PP, Carmen Amoedo solicitaba ao resto dos grupos presentes da corporación o seu apoio para reclamar á Deputación o arranxo da estrada que cruza a parroquia do Viso “dous kilómetros sen beirarrúas, con tráfico pesado e que supón un risco para os seus usuarios”. Por este motivo na súa moción os populares demandaban un compromiso do organismo provincial para que destine unha partida económica para a realización dun proxecto que mellore a seguridade viaria nesta estrada e que a obra se inicie neste 2016. Todos os grupos da corporación apoiaron a proposta malia criticar ao PP por presentar “unha moción partidista”. Neste sentido os socialistas a través do seu voceiro, Eduardo Reguera, lembraban que mentres os populares gobernaron o ente provincial “dende Redondela non se lle presentaron moción semellantes” e animaron ao goberno de Javier Bas a presentar iniciativas a outros organismo como Fomento ou a propia Xunta. Aseguraba Reguera ademais que xa hai un compromiso por parte da Deputación para acometer o arranxo deste vial dentro do Plan Móvete. No mesmo sentido manifestábase o voceiro do BNG, Xoan Carlos González quen engadía que “esta moción ven demostrar o pouco peso que o alcalde de Redondela tiña na anterior Deputación, xa que mentres en Soutomaior si está prohibido o paso de tráfico pesado, os veciños de o Viso teñen que seguir convivindo cos camións”. Dende AER Bernardo Crespo lembraba ademais que a petición xa foi demandada en numerosos ocasións dende o propio Consello parroquial do Viso.