A retirada do borrador da Lei de acuicultura é unha boa nova para o sector do mar, pero non suficiente. Mariñeiros, mariscadoras e bateeiros continúan cos preparativos da manifestación convocada para mañá sábado en Compostela “En defensa do sector”. Desde Redondela confían en que sexa un éxito de participación.
A pesca e o marisqueo artesanal séntense “esquecidos” e aseguran que os seus problemas van máis alá desa lei. A contaminación nas rías e a falta de apoios ao sector de baixura son outros dos problemas aos que se enfrontan, como apunta o patrón maior da Confraría de Redondela, Clemente Bastos. O responsable do pósito nega que se trate dunha manifestación “politizada”, insiste en que sairán á rúa “pola defensa dos intereses dos traballadores do mar”. O sector do marisqueo, con máis dun cento de mulleres en activo en Redondela, vai participar activamente na mobilización. As mariscadoras amósanse satisfeitas de que o anteproxecto se retirase, xa que supoñía un “desastre” para o marisqueo e a pesca artesanal. Con todo, non se fían de que esa retirada sexa definitiva, polo que insisten na importancia de que a manifestación de mañá sexa multitudinaria. Entenden que a retirada da lei foi posible grazas ás protestas do sector, e que a pesca de baixura e o marisqueo “deben ter tamén os seus dereitos” e poder garantir o seu futuro, como apunta Pepe. Advirten que a manifestación de mañá debe celebrarse igualmente, xa que non se fían das intencións do goberno galego. Mariscadoras como Dolores e Carmen temen que a retirada da lei “sexa en falso” por motivos “electoralistas” e que poidan retomala no futuro. A marcha celébrase mañá, ás 11.30 horas, en Santiago e o pósito redondelán puxo autobuses a disposición dos veciños que queiran asistir para apoiar ao sector do mar. As Marchas da Dignidade de Redondela veñen de expresa tamén o seu apoio á mobilización convocada pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Entenden que a retirada da Lei non debe frear a manifestación, xa que foi a mobilización social a que levou á Xunta a recuar nas súas intencións.