Un acto institucional consistente na lectura dun manifesto e a descuberta dun cubos reivindicativos que permanecerán ás portas do concello durante todo o mes de marzo, foi o acto central das actividades organizadas dende a Concellería de Muller e Igualdade neste Día da Muller. E precisamente mulleres anónimas foron as encargadas de poñer voz a un manifesto no que se volveron escoitar reivindicacións tradicionais desta data.
A necesidade de equiparar salarios entre mulleres e homes, loitar pola corresponsabilidade nas tarefas do fogar e no coidado dos nenos ou a demanda de políticas administrativas que promovan a igualdade en todos os ámbitos e favorezan tamén a empregabilidade das mulleres. E, como non, mención específica para a violencia de xénero que en pleno século XXI está a afectar máis ca nunca ás mulleres, cun regueiro interminable de vítimas que son asasinadas polas súas parellas ou exparellas formaron parte tamén deste discurso coa voz da tenente de alcalde, Carmen Amoedo, encargada de pechar o acto institucional. O manifesto que se puido escoitar daba conta de como os primeiros pasos pola igualdade comezaron na loita obreira, sindical e centrada nos dereitos laborais ata irse abrindo ese contido reivindicativo a outras esferas da vida e os dereitos da muller, chegando a ter como teito o recoñecemento total da igualdade da muller e o home en todos os eidos. Mención específica tamén para as reivindicacións, pedindo que o Goberno da Xunta impulse o emprego das mulleres a través de plans de emprego, plans para creación de empresas, mellora da empregabilidade das mozas e mulleres novas ou daquelas que tiveron unha incorporación tardía ó mundo laboral, tendo en conta a diferenza existente aínda entre o número de mulleres e homes desempregados. E que se traballe dende as idades máis temperás para que esa igualdade forme parte de todos e todas dende cativos “queremos que se fagan máis esforzos na educación de nenos e nenas, como punto de partida imprescindible para todo avance”.