“Os libros románticos son os máis vendidos e, malia o que se poida pensar, salvan os números de moitas editoriais” así o asegura Trinidad Palacios, propietaria da librería galega especializada en literatura romántica Madame Bovary e organizadora do Congreso de Literatura romántica de A Coruña. Participará na mesa redonda que se celebra o venres ás 20:00 horas na Casa da Cultura xunto coas escritoras Silvia Barbeito, Teresa Cameselle e Lydia Leyte.
Unha actividade organizada pola Biblioteca de Redondela e enmarcada dentro das actividades que organiza a concellería da Muller e Igualdade co gallo do Día da Muller. Un debate no que se falará da evolución dos estereotipos das personaxes femininas dentro deste tipo de literatura “non é o mesmo un personaxe de Jane Austen que unha muller que protagonice unha novela romántica contemporánea”. Insiste Palacios en que é necesario derrubar a “mala fama” que moitas veces persegue a este xénero no que como “en calquera outro, atopamos libros bos e libros non tan bos”. Unha literatura moi estigmatizada malia o cal ten deixado para a historia obras de tanta relevancia coma as escritas pola propia Jane Austen ou as novelas das irmás Brontë pero tamén títulos de autoras actuais como as que participarán este venres na charla que se celebra na Casa da Cultura. A propietaria da librería coruñesa Madame Bovary lembra que son as novelas románticas as que moitas veces salvan os número das editoriais “as lectoras de literatura romántica son moi adictas e contan cun orzamento mensual para libros, isto fai que este xénero- que abarca toa aquela narración que inclúa unha historia de amor e un final feliz indepedentemente se trate dun thriller, unha novela histórica, un relato curto ou unha novela de terror- sexa o máis vendido”.