A subida a parroquia de Cedeira, pechada dende o pasado 29 de febreiro pola execución das obras da nova rotonda que dará acceso ao supermercado de Mercadona, volverá a abrirse ao tráfico o luns da vindeira semana. Así o confirmaron dende o departamento municipal de Tráfico, cuxo titular Arturo González explica tamén que as obras continuarán aínda un par de semana máis “para asfaltar e nivelar a estrada e deixar en perfecto estado unha glorieta de maís de 30 metros que facilitará o acceso a esta parroquia ademais da circulación pola propia N-552”.
Dende hai semanas o acceso á parroquia de Cedeira está a ser especialmente complicado logo de que as obras da nova rotonda obrigaran a pechar a circulación polo barrio do Cruceiro. O peche desta subida incomoda principalmente ao transporte escolar -os autobuses foron substituídos pro microbuses- que teñen que circular por vías alternativas estreitas e nas que con moita dificultade poden cruzarse dous vehículos. Unhas incomodidades que rematarán mañá, xa que á volta das vacacións de Semana Santa ese transporte poderá circular xa con normalidade pola parroquia. O concelleiro delegado de tráfico, Arturo González explica que aínda que os traballos continuarán un par de semanas máis para asfaltar e nivelar a estrada, o que precisará de varias capas de formigón, o acceso dende a N-552 quedará aberto completamente ao tráfico a partir do vindeiro luns 21″. Isto garante xa a normalidade na circulación de cara a semana santa.
Engade González que “a principios de abril a rotonda debería estar xa plenamente operativa”. Unha nova glorieta que facilitará o tráfico e permitirá unha maior fluidez tanto dos vehículos que soben a Cedeira como dos que usan a Baixada á Estación.
A nova rotonda forma parte do proxecto de construción do Mercadona, que abrirá as súas portas a principios de xuño. A firma está estes días a realizar as probas de selección de persoal, xa que está previsto que contraten ao redor de trinta persoas. Un proceso de selección longo xa que só dende a bolsa de emprego de Redondela enviáronse a 1900 candidatos interesados en acceder a algún dos postos ofertados pola empresa de alimentación.