A charla, organizada por Galiza Nova, terá lugar este martes ás 20:00h na Casa da Cultura de Redondela. Intervirán o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera e a portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, quen presentará a súa visión despois de visitar o campo de refuxiados de Calais en Francia e vivir en primeira man a problemáticas dos refuxiados.
A organización xuvenil do BNG organiza este coloquio sobre a situación dos refuxiados na Unión Europea. Un acto aberto no que participará Ana Miranda, quen falará de primeira man da situación que viven os refuxiados que chegan a Europa fuxindo da guerra logo de comprobar in situ as condicións de miseria de 5.000 persoas no campo de Calais, o maior de toda Europa.
A portavoz do BNG explicaba logo de regresar dese campo que “é un vertedoiro no que se amorean 5.000 persoas a dúas horas de París e a tres de Bruxelas, entre elas 200 menores sós, malia denuncia da desaparición de 10.000 menores refuxiados en territorio europeo”. Unha situación que analizará xuntamente co secretario xeral de Galiza Nova Alberte Mera. No transcurso da conversa analizaranse “como os Estados Unidos, Israel e a Unión Europea destrúen diversos países para alcanzar os seus obxectivos xeoestratéxicos e espoliar os seus recursos naturais, máis en concreto o petróleo”.