O PP nega rotundamente que a visita de Alberto Núñez Feijoo á festa do Choco do pasado ano formase parte da campaña electoral dos populares e insisten en que estaba convidado como presidente da Xunta dentro dos actos institucionais que rodean a esta festa gastronómica “do mesmo xeito que estaban convidados todos os grupos da oposición, incluídos os concelleiros de AER”. Contesta así a voceira dos populares á denuncia desta agrupación que os acusa de pagar con fondos municipais unha comida de campaña. Asegura a edil que a restitución deses cartos as arcas municipais por parte dos membros do goberno local decidiuse “porque sabiamos que AER ía utilizar este argumentos de xeito mesquino”.
Carmen Amoedo é rotunda “o PP nunca cargou ao concello unha factura dun acto de partido, os 1.400 euros que de xeito mesquino están a empregar os membros de AER para cargar contra nós corresponden a un acto institucional celebrado no transcurso das Festas do Choco do ano pasado”. Neste sentido asegura que a ese acto, no que participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o expresidente da Deputación, Rafael Louzán e outros cargos, estaban convidados tamén os grupos da oposición “a todos se lles reenviou unha invitación convidándoos tanto ao pregón como ao resto dos actos institucionais que se realizan durante a visita á carpa do choco e que inclúen unha degustación”. Engade Carmen Amoedo que a restitución deses cartos ás arcas municipais responde a que “carecemos da documentación que acredite que se cursaron as invitacións porque xa pasaron dez meses dende esa data, e os concelleiros do goberno decidimos facer ese ingreso para evitar dobres interpretacións”. Sobre a decisión de AER de trasladar toda a información referente a este asunto á Fiscalía para que estude se os feitos denunciados son constitutivos de delito explica a edil popular que a factura en cuestión “pasou todos os controis de intervención do concello, está clarísima e non cremos que a Fiscalía vaia perder o tempo cunha factura de 1.400 euros”.