Unha cita gastronómica declarada de Interese Turístico galego e na que se repartirán ao redor de 100.000 unidades do molusco nunha fin de semana na que se espera a visita de 30.000 asistentes. A principal novidade desta edición é o acordo alcanzado entre o Concello e os mariscadores para o aproveitamento das cochas da ostra, que se reutilizarán para a recuperación dos bancos marisqueiros. O pregón desta edición correrá a cargo do actor Federico Pérez “Josito”.
Declarada Festa de Interese Turístico no ano 2002, a Festa da Ostra de Arcade supón unha das citas gastronómicas do ano en Galicia. Do mesmo xeito que o ano pasado, para maior comodidade, tanto dos asistentes como dos encargados dos postos, a festa instalarase no novo aparcadoiro da zona portuaria e contará cunha carpa de grandes dimensións para garantir a celebración independentemente das condicións meteorolóxicas. Durante a presentación, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, explicou a importancia desta festa para o Concello e en xeral para todo a comarca. “Desde o punto de vista turístico e gastronómico, esta festa dálle a Arcade unha proxección internacional incalculable, que redunda no ben do noso concello e de toda a comarca. Grazas a ela tamén podemos dar a coñecer outros dos nosos grandes puntos de interese turístico como o Castelo ou o noso patrimonio histórico e natural”. Salientou tamén o alcalde que esta festa supón un escaparate para os hostaleiros do concello que teñen así a oportunidade de promocionar os seus locais. Os prezos establecidos para esta edición son de 6 euros para a ducia de moluscos, natural ou en escabeche. Ademais poderanse adquirir racións de empanada e botellas de viño albariño e ribeiro como acompañamento. Un produto de “excelente calidade”. A celebración comezará o sábado 2, ás 12:00 horas, coa apertura das casetas e a música da charanga “A cabeza non para”. A tradicional verbena arrancará ás dez da noite coa música das orquestras Cinema e Miramar. O domingo 3, día grande dos festexos, as casetas abrirán as súas portas dúas horas antes, as dez da mañá. Unha hora máis tarde, ao redor das 11:00 horas, actuarán as bandas de música Artística de Arcade e Cultural de Arcade e ás 13:00 horas terá lugar a Lectura do Pregón, que este ano correrá a cargo do actor, Federico Pérez “Josito”. A festa terminará co último espectáculo musical de man da charanga NBA. Ademais, os nenos contarán cunha zona de xogos e atraccións inchables no recinto feiral, o que permitirá aos asistentes gozar desta festa en compañía de toda a familia. Acordo para a reciclaxe das cunchas A principal novidade deste ano é o acordo alcanzado entre o Concello de Soutomaior e as mariscadoras locais para o aproveitamento das cunchas de ostra que se vendan durante a festa, ao redor desas 100.000 unidades. As cunchas segundo explicaba o alcalde para rexenerar os bancos mariqueiros e incrementar a producción de ameixa.