Os de Marcos Montes suman a súa cuarta xornada consecutiva sen gañar, pero manteñen unha ampla vantaxe co quinto, o Barco, que será o próxima rival en Santa Mariña. Na Segunda Autonómica o Choco B perdeu o derbi ante A Guía e o Chapela non conseguiu pasar do empate ante o Vincios.
Terceira División
Bergantiños 1-1 Choco
Os de Marcos Montes colleitaron un empate na súa visita ao campo do Bergantiños. Os redondeláns adiantáronse no marcador aos poucos minutos de xogo, pero non foron quen de manter a vantaxe ante a presión dos locais, moi necesitados de puntos para evitar o descenso. E o Bergantiños mesmo puido conseguir un mellor resultado. O Choco adiantouse no minuto 10 de partido, tras unha boa acción desde o centro do campo. Tras iso, os locais non baixaron os brazos e anotaron o empate cun gol de Roberto Piñeiro pasada a media hora de xogo. E na segunda metade insistiron sobre a portaría de Cortegoso, malia que fallaron varias ocasións. O cadro redondelán acusou en exceso as baixas de Silva, Óscar e Comis por sanción, e o empate supón a cuarta xornada consecutiva sen gañar. Con todo, os resultados dos rivais directos favorecen as aspiracións de Choco para xogar a fase de ascenso. Os de Marcos Montes manteñen a súa terceira praza, por detrás do Boiro e o Cerceda, dous grandes que tamén se enfrontaron durante a xornada, pero cunha ampla vantaxe sobre o quinto clasificado, o Barco, que é o que marca a fronteira. E precisamente ese será o seu rival o domingo en Santa Mariña, os ourensáns están xa seis puntos por baixo do Choco.
Segunda Autonómica
Choco 0-1 A Guía
Os dous rivais chegaban empatados a puntos a este duelo, que se saldou a favor dos vigueses pola mínima. Á Guía serviulle o gol que marcou no primeiro minuto de xogo. Despois o Choco puxo o xogo e as ocasións, pero faltoulle definición, e a eficaz defensa dos visitantes deulles a vitoria. O Choco é agora cuarto. A próxima xornada xogará en Alcabre, cos vigueses situados na parte baixa da táboa.
Chapela 1-1 Vincios
O Chapela non foi quen de pasar do empate ante o Vincios, penúltimo da táboa. A derrota deixa aos redondeláns na 11ª praza do grupo, e a próxima fin de semana xogarán no campo do Santa Mariña, da metade alta da táboa.
Terceira Autonómica
Sampaio 5-0 Cesantes
Era unha difícil saída para o Cesantes, e o líder non perdoou. Dous goles de Borja, un do Andrés, outro de Saúl e un último de Adrián asinaron a goleada. O Cesantes é 10º, e na última xornada reciben ao Presqueiras, da parte baixa da táboa.
Moledo 5-0 Peña Beretes Chapela
O Beretes Chapela despide a liga na penúltima praza logo de perder por goleada ante o Moledo no campo das Relfas.
Atl. Vilar descansa
Logo da xornada de descanso o Atl. Vilar é 3º do seu grupo. O domingo recibirá ao San Juan de Rubios, da parte baixa da táboa.