A proxección de curtametraxes que debía desenvolverse na media noite de hoxe na sala Discotasca queda definitivamente suspendida. Así o confirmou nos nosos micrófonos o concelleiro de interior Arturo González quen atribúe esta decisión do concello “ante a necesidade de garantir a seguridade dos espectadores e dado que este local non reúne as condicións necesarias para realizar este evento” enmarcado dentro da programación do Redondela en curto.
Explicaba o edil que os servizos xurídicos e técnicos do concello son unánimes á hora de apoiar a cancelación deste evento ao non reunir o local “as condicións de seguridade e aforo que serían precisas para realizar este tipo de actividade”. Engade que a proposta do concello pasa por trasladar a proxección ao Multiúsos pero que “é decisión do director artístico do festival aceptar esa proposta ou suspender a actividade”. Unha sala a Disoctasca que xa en anos anteriores adoitaba albergar actividades paralelas dentro do Festival Redondela en curto. González explica que a diferenza respecto desta edición é que agora “é o propio Concello quen organiza o festival”. Apunta tamén que a normativa é máis estrita dende os tráxicos acontecementos do Madrid Arena.