O concello de Soutomaior ven de abrir o prazo para seleccionar persoal que se encargue do desenvolvemento das actividades de verán neste municipio. Concretamente ofertan tres prazas de técnico superior en actividades físicas e animación deportiva e dúas prazas de monitor de tempo libre.
O contrato será temporal por un período dun mes (do 1 ao 31 de xullo) e o salario bruto mensual ascenderá a 1.371 euros no caso dos monitores e de 1.462 no caso dos técnicos. A selección farase por concurso libre, tendo que presentar os aspirantes as súas solicitudes como data límite o mércores 18. As persoas seleccionadas encargaranse do deseño, organización, dinamización e implementación dos xogos e activiades lúdicas, culturais e físico-recreativas no marco da programación municipal que se organice nese mes de xullo.
As bases desta convocatoria pódense consultar no concello de Soutomaior ou na súa páxina web.