Un total de 26 compañías ofrecerán máis de 80 representacións durante sete días na XVII edición do Festival Internacional de Títeres Memorial Juanjo Amoedo. Na cita, que comeza o luns, grupos locais como Tanxarina misturaranse con artistas chegados desde Francia, Holanda ou a República Checa. Haberá representacións para todos os públicos nas rúas e prazas, e tamén no auditorio da Xunqueira, aos que se suma a mostra “Un festival de portada” e unha “ruada participativa” desde a Fonte do Mouro.
O director do festival, Luis Crespo, salienta que esta edición do festival internacional ten tamén un marcado acento redondelán, co concerto de Tatán que inaugura as actividades na noite de luns, e a presenza no cartel da agruapación local Tanxarina. A eles súmase a compañía Baobab, na que participa a redondelá Andrea Bayer, que inclúe nos seus espectáculos lembranzas da súa infancia. O alcalde redondelán, Javier Bas, reivindica o festival como un “sinal de identidade” de Redondela, onde a participación da sociedade é “fundamental”, e salienta o bo traballo da dirección do certame e do colectivo Xente Titiriteira. Haberá moita presenza de artistas galegos, e tamén agrupacións de comunidades como Cantabria, Aragón, Cataluña e Canarias. A presenza internacional chega dese Francia, Portugal, Holanda, Dinamarca e a República Checa. O Festival arrancará o día 16 cun concerto inaugural a cargo de Tatán e o seu Chapeu, e que terá lugar ás 23:00h na Casa da Torre. O 17 de maio celebrarase o Día das Letras Galegas cunha completa programación de rúa e sala cunha forte presenza de compañías galegas e redondelás. Nesta xornada, Tanxarina escenificará o seu aclamado Titiricircus, e Títeres Cascanueces porá en escena Barriga Verde e o Muíño da Néboa. Tamén se contará con compañías estatais, como os canarios de Títeres Pepeluna e o seu Ratónperez, e con compañías internacionais, como os holandeses Electric Circus e o seu itinerante Mono the Monkey ou os checos Teatro Konmo e O conto do vello lobo. Outra das compañías con participación redondelá, Baobab Teatro, ofrecerá no Multiúsos da Xunqueira ás 17:00h o seu espectáculo Luppo, que recibiu o Premio ao Mellor Espectáculo Infantil na Feira de Teatro de Ciudad Rodrigo. Ás 21:00h, no mesmo espazo, a compañía galega Cinema Sticado representará Mirlo & Rula, que emprega as novas tecnoloxías para facer cine ao vivo co monicreques. No eido musical, a Fanfarria Taquikardia percorrerá as rúas coa súa música e o grupo De Vacas ofrecerá un concerto ás 20:00 na Casa da Torre, no que interpretan en galego as súas particulares versións de cantantes como Michel Teló ou as Spice Girls. Ademais os máis pequenos poderanse achegar á Pista da Xunqueira para xogar cos brinquedos da Casa dos Xogos. A programación complétase coa ruada participativa A Fonte do Mouro. Bebedoiro das Bestas, os xa tradicionais Títeres pola Gorra, a exposición Un Festival de Portada e a pancarta colaborativa para deixar unha mensaxe á compañía Títeres desde Abajo. Desde a organización do Festival Internacional de Títeres quixeron saír ao paso das críticas do PsdeG por eliminar a programación escolar do Auditorio do Piñeiral do Crego de Chapela. O grupo municipal socialista denunciou que o cambio supón “que moitos centros educativos públicos non poidan acudir ás sesións escolares en Redondela polo custe do transporte”. Crespo explica que tomaron a decisión para concentrar a programación no local “con maior aforo”, que é o da Xunqueira, para que poida asistir ás funcións “o maior número de espectadores posible”. Engade tamén que se decidiu ampliar o número de funcións na rúa, que son de balde, para que os espectáculos sexan accesibles “a todo o público”. Desde o Concello o alcalde non quixo entrar a valorar as críticas dos socialistas, sinalou que o director do festival ten “total autonomía” para tomar as decisión sobre a organización dos espectáculos, e lamentou as “disputas políticas” nun evento cultural de gran repercusión no que todos deberían “traballar unidos”.