A comunidade educativa esixe que se elimine o tellado de uralita por unha cuberta “saudable”, reclamación que levan facendo durante anos. A seguridade nos accesos ao centro, tanto de peóns como de vehículos, é outra das preocupacións das familias. Un problema engadido son os episodios de contaminación da auga, ao non contar con subministro da rede municipal.
En 2011 o tellado de uralita deste centro sufriu importantes danos por mor dun temporal. Naquel momento a Xunta procedeu a reparalo, co compromiso de cambiar toda a cuberta para evitar o amianto, pero a día de hoxe segue na mesma situación. Os pais dos alumnos levan anos demandando unha solución “que non chega”, como explica Anxo, un dos membros da ANPA. Elena, que estivo tamén na asociación de nais e pais de alumnos, lamentan que non haxa un compromiso para cambiar a cuberta, porque existe “preocupación” entre as familias pola presenza de amianto, un material prohibido en España desde 2001 polos riscos que supón para a saúde. Outra das demandas da comunidade educativa do CEIP Quintela é a mellora na accesibilidade. Os accesos non son seguros, nin para os peóns nin para o tráfico rodado. A elevada pendente e a presenza de escaleiras en todas as entradas supoñen unha barreira para calquera persoa con mobilidade reducida. Contaminación da auga Outra das preocupacións dos pais son os reiterados episodios de contaminación da auga no centro. O pasado mes de marzo estiveron sen subministración logo de que Sanidade confirmase a contaminación do depósito pola bacteria E-Coli, que pode ocasionar problemas dixestivos, sobre todo nos nenos. Nuria, que ten unha filla cursando 4º de Primaria, lembra que o problema se repite de xeito reiterado por falta de abastecemento da rede de augas municipal. A creación dun patio cuberto onte poder saír os días de chuvia é outra das necesidades deste colexio. Actualmente os 150 alumnos matriculados no colexio deben permanecer nas aulas ou na biblioteca durante os recreos nos días de chuvia.