A Feira do libro “A muller na palabra” chega esta semana a Redondela cun intenso programa con actividades para os máis pequenos, presentacións, firmas de libros e a participación de sete librerías, entre as que atopamos dúas do noso concello: Molière e La Imprenta. Unha actividade organizada dende a Concellería da Muller que quere darlle un carácter propio a unha cita literaria que se celebra por vez primeira en Redondela. Marcado carácter feminino tanto no inicio da feira, que arrancará na tarde do xoves cunha charla coloquio a cargo da escritora Mª Xosé Queizán como na súa clausura, o domingo, coa mesa redonda A muller na literatura con Iolanda Zúñiga, Fina Casalderrey, Ana Tierra e Yolanda Castaño como coordinadora.
As casetas estará abertas a partir do xoves día 16, data na que arrancará a Feira coa intervención da escritora María Xosé Queizán as 19.00 horas, a actuación dos alumnos do Conservatorio de Música Profesional de Redondela Vítor Ureña e a continuación unha charla coloquio na que Queizán falará dos seus libros Sentinela alerta, publicado por Edicións Xerais de Galicia e A boneca de Blanco Amor, publicado por Editorial Galaxia. A feira continuará ata o domingo xa en horario de mañá e tarde con contacontos, espectáculos e obradoiros para os máis pequenos. Como en toda feira que xira en torno ao libro, obrigada tamén a sinatura de libros con Manrique Fernández e a súa obra Tres feridas, Jorge Rodríguez Gomensende co título Frouma de Ruivéns e a xornalista María Solar quen presentará As horas roubadas publicado por Xerais. Presentaranse tamén o longo dos catro días de feira outros títulos entre os que atopamos MI vida sin ti de Joaquín González Acuña, Diario de un invierno de José Luis Salamanca e A tinta viva, de Ana Alonso Ferrer, publicados por Editorial Vampirodelibros. Unha intensa programación que chegará ao seu remate o domingo co coloquio A muller na literatura con Iolanda Zúñiga, Fina Casalderrey, Ana Tierra e Yolanda Castaño como coordinadora. Nesta primeira edición está confirmada a presenza dun total de sete librerías entre as que atopamos dúas de Redondela, a Librería La Imprenta e Librería Molière.