A praia de Cesantes transformarase este sábado pola noite no escenario dunha macrofesta co grupo cubano A Ricura e varios “disc jockeys”. A iniciativa, organizada pola comisión das Festas do Carme, tamén inclúe un apartado para os afeccionados ao motor, xa que durante a tarde realizarase unha concentración de coches racing, tunning e clásicos, cunha zona de demostracións.
Os actos desenvolveranse no recinto situado xunto ao areal da Punta, con entrada gratuíta a todos os eventos, e tamén se instalará un bar con prezos populares para que os asistentes poidan refrescarse.
A Festa Xoven comezará ás 17.00 horas coa exposición dos coches participantes na concentración, con máis de cincuenta vehículos chegados desde diversos puntos de Galicia e Portugal. A xornada estará amenizada a partir das 21.30 horas por un concerto do grupo Bohemios.
Xa pola noite, a partir das 23.00 horas, coa segunda edición do A Punta Beach Party, un evento musical no que participarán o dúo cubano A Ricura, os portugueses John Mayze&Miguel Faria, o vigués Dani Vila, o saxofonista Kike Sax, e os discjockeys Dj Charlie, Rodri Veigas e Borja Rúa.