A novena edición que se disputa o vindeiro domingo día 3 en Redondela contará coa presenza de atletas destacados como Alvaro Prieto, Daniel Bargiela ou o marroquí afincado no Porriño, Akka Essaadaqui, quen parte como un dos grandes favoritos desta carreira. Dende a organización confían en igualar os participantes de anos anteriores nos que se chegaron a superar os 800 atletas malia coincidir a celebración desta proba coa Noctura do sábado en Vigo. Haberá percorrido diferenciados por idades, con 50 metros para os máis pequenos -nenos e nenas nacidos no 2013- ata os 6,5 quilómetros que deberán superar os participantes na carreira absoluta.
A proba, organizada por el Club de Atletismo Redondela (CAR) en colaboración co Concello percorrerá o casco urbano con saída e meta na Casa do Concello e cunha distancia total de 6,5 quilómetros. Ademais están previstos outros circuítos máis curtos para os nenos en función das idades. Un percorrido de dificultade baixa que permitirá aos atletas máis rápidos chegar a meta nun tempo estimado de 19 minutos. O prazo de inscrición péchase o xoves e pódese formalizar de xeito presencial no comercio Susuela (rúas Adro, 32) ou a través da páxina web www.championchipnorte.com. Dende a organización o seu presidente, Francisco Otero insiste no carácter solidario da proba, xa que a inscrición ten un custe de 5 euros, dos que 1 euros será doado á Asociación de Atención a persoas con enfermidade mentais Lenda. Unha proba que quere promover a práctica do atletismo, un deporte minoritario pero que conta cada vez con máis seguidores en Redondela, estando xa asegurado o seu futuro grazas ao traballo de base que se está a realizar dende o propio club. Neste sentido Otero salienta que cada vez son máis os rapaces que se animan a practicar o atletismo acadando éxitos importantes como a 3ª praza que veñen de lograr non Campionato galego. Co obxecto de garantir a seguridade dos participantes procederase a cortar o tráfico en diferentes puntos do concello. Así, as rúas dos casco urbano estarán pechadas a partir das nove da mañá e ata que rematen as probas, mentres que o percorrido entre Redondela e Chapela permanecerá cortado durante aproximadamente unha hora. Para garantir que todos os cruces estean cubertos, ademais de efectivos de Protección Civil e Policía Local contarase coa colaboracións do MotoClub Redondela.