O profesor de Ciencias políticas e escritor Carlos Taibo ven de publicar “Para entender el TTIP. Una visión crítica del acuerto trasatlántico de comercio e inversiones” no que analiza as consecuencias, ao seu entender nefastas, que conlevará a sinatura do acordo transnacional de comercio entre Estados Unidos e Europa con repercusións para o cidadán no terreo medioambiental, social e laboral. De todo isto falará hoxe mércores ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira nun acto aberto organizado pola Asociación Cultural Alén Nós.
O TTIP é ao entender de Carlos Taibo “unha xogada mestra das transnacionais para incrementar o seu poder baixo a cobertura retórica dun acordo que atendería ao dobre propósito de facer desaparecer aranceis e duplicacións”.
Na charla de hoxe falará do deterioro que suporá para o cidadán a súa aplicación no terreo medioambiental, no social e no laboral, xa que suporía un empeoramento dos dereitos dos traballadores cunha nova reforma laboral e provocaría maiores recortes nos servizos públicos.
Tamén analizará o secretismo co que se está a negociar e que leva a preguntarse porque unha negociación clandestina cando teoricamente estase a falar dun tratado que só traería consecuencias positivas “evidentemente a falta de transparencia responde a que hai detrás consecuencias negativas que non queren que se coñezan”.
Taibo é un defensor da mobilización en contra deste acordo pero alerta de que o primeiro paso é informar do que se agocha detrás do TTIP “é imprescindible que nos organicemos para asumir unha estratexia conxunta de desobediencia contra un acordo que nos queren impoñer”.