A mostra inaugurada hoxe permanecerá na Casa da Cultura durante todo o mes de xullo Trátase dunha mostra itinerante que está a percorrer os municipios nos que se desenvolveron diferentes accións reivindicativas o pasado 25 de novembro co obxectivo de reivindicar a igualdade de xénero e pór o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista en España, e por extensión, no mundo. Os artistas encargados de dar corpo a este traballo expositivo son Carme Nogueira, Ana Xesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Branco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova.
Deputación e Concello estiveron presentes hoxe na inauguración dunha exposición sobre o proxecto “Mulleres en acción: Violencia Zero” levado a cabo o pasado 25 de novembro na vía pública de dez concellos da provincia, entre eles Redondela. A presidenta da Deputación Carmela Silva destacou que “no que levamos de 2016 foron xa 22 as mulleres asasinadas pola violencia machista, unha cifra que podería incrementarse a 25 cos tres casos que están a seren investigados, con este proxecto quérese poñer o foco no estado actual da violencia no noso país e chamando as cousas polo seu nome, porque esta mulleres foron asasinadas pro seren mulleres”. Tamén presente na inauguración o alcalde, Javier Bas quen lamentou a falta de reacción da sociedade “laméntame ter que identificar ás vítimas para concienciar a sociedade de que hai que loitar contra esta lacra” e asegurou que nesta loita non hai intereses partidistas “como non podía ser doutro xeito traballamos todos a unha”. A exposición permanecerá no primeiro andar da Casa da Cultura durante todo o mes de xullo en horario de 17:00 a 21:00 de luns a venres e os sábados de 10:00 a 13:00.