O Concello de Redondela ven de presentar ante a Xunta a solicitude de inclusión da parte dereita da Praia da Punta de Cesantes na rede galega de praias libres de tabaco. Unha campaña á que xa se sumaron 22 praias de toda Galicia e que vai especialmente dirixida aos areais que teñen o galardón de Bandeira Azul. O espazo sen fume delimitarase con carteis e a prohibición podería ser ampliada a todo o areal en función do resultado.
Unha vez a praia sexa incluída no programa, o Concello colocará a sinalización consistente nunha bandeira e carteis que delimitarán o espazo libre de tabaco así como no reparto de folletos informativos. O acceso será libre e non haberá sancións pero dende o concello confían en que a iniciativa teña unha boa acollida pro parte dos cidadáns e se respecte a prohibición para poder valorar os beneficios desta inclusión no programa impulsado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
Esta primeira edición servirá para valorar os resultados sobre o areal, comparando a calidade da area coa zona que segue sendo libre para fumadores e xa no vindeiro ano, no caso de que o resultado sexa bo, converterase toda a Praia en área libre de tabaco.
Con esta iniciativa buscase un dobre beneficio xa que limitar o espazo de fumadores incide na saúde dos cidadáns e repercute tamén no medio ambiente. Lembran dende a Concellería que “as canicas son un residuo altamente contaminante con gran dificultade para a súa eliminación xa que nin cos medios manuais nin cos mecánicos resulta sinxelo eliminalas da area. Ademais trátase dun residuo que tarda moitos anos en desaparecer dos nosos areias e mares cun alto grado de contaminación.