Os edificios públicos do Concello de Redondela poderían quedar sen persoal de limpeza no caso de que non se chegue a un acordo entre goberno e oposición de cara a aprobar o contrato que permita a adxudicación deste servizo. No último pleno municipal, a posición en bloque votou en contra das bases que pretendía aprobar o PP alegando que a documentación se lles entregara con tan só tres días de antelación “sen tempo para facer un estudo pormenorizado do contrato” e por non estar de acordo con algunhas das cláusulas establecidas como o período de concesión e as bases de subrogación de traballadores.
A concelleira Teresa París defendía no pleno a urxencia de aprobar “unhas bases moi complexas, elaboradas polos técnicos do concello e que buscan sacar adiantes un dos contratos de maior contía dos que se realizan dende o Concello”. Precisamente o feito de que se trate dunha contratación de gran magnitude foi un dos argumentos esgrimidos pola oposición para non apoiar o contrato, acusando ao PP de trasladar a documentación aos grupos con escaso tempo para estudar toda a documentación. O BNG reclamaba tamén que se introducisen cambios nalgún puntos, como o prazo de concesión de servizo “solicitamos que sexa menor porque é un servizo susceptible de ser municipalizado en canto a lei estatal permita a contratación de traballadores municipais”. Xoán Carlos González reclamaba tamén maiores garantías para os traballadores que actualmente realizan esa limpeza. No mesmo sentido se manifestaba dende AER, Ricardo Figueroa, quen lembraba que malia tratarse dunha documentación moi intensa “se lles trasladou aos grupos con tan só tres días de marxe e na xornada previa ao festivo de San Xoan”. Unha agrupación que aposta tamén pola remunicipalización do servizo. Os socialistas acusan ao goberno local de falta de previsión neste asunto e demandan que nas bases da contratación se inclúan maiores garantías para a subrogación dos traballadores. París amosábase molesta coa oposición pro negarse a aprobar un contrato “cuns prazos moi logon, que o único que fan é alongar aínda máis”. Critica ao BNG por defender agora a remunicipalización dun servizo que “privatizaron cando gobernaba o bipartito”.