A Comisión de festas lamenta que a falta dun pantalán na praia non permita celebrar a procesión na data que lle correspondería. Ante a imposibilidade de que os barcos chegaran a terra o pasado día 16 pospuxeron esta procesión marítima e o resto das festas para esta fin de semana. Serán catro días de celebración onde non faltarán as tradicionais verbenas, as actividades para os máis pequenos e a procesión tanto marítima como por terra. O programa arrancará o venres 22 ás 22:30 horas coa actuación das Cantareiras de Ardebullo (Nucha e Mucha).
A partir do venres, Cesantes honrará con catro días de festa á Virxe de Carme. Unha festa que debería terse celebrado na fin de semana anterior, coincidindo coa festividade do Carme, pero que tivo que se adiada por mor das mareas e a imposibilidade de desenvolver a tradicional procesión marítima. “Ao carecer dun pantalán na praia logo de que non se repuxese a pasarela derrubada no ano 2009, a celebración ven marcada polas mareas”, explica o presidente da Comisión José Ramón Bouzón. Unha procesión que centrará as actividades do sábado, co embarque a partir das 16.30 horas no peirao de Cesantes e na que se espera que participen máis de 500 persoas. Os barcos chegarán ata a Ponte de Rande, lugar no que se fai unha ofrenda aos mariñeiros falecidos para regresar á praia de Cesantes. Na mesma xornada haberá verbena amenizada por Gran Parada e Televisión. O programa seguirá o domingo, con actividades orientadas a público infantil: a festa da espuma e o show do pallaso Popín a partir das 19:00 horas e festa nocturna a cargo de os Satélites e Claxxon. O luns, coincidindo co Día de Galicia, celebrarase ás doce do mediodía unha homenaxe a mariñeiros e mariscadoras con degustación de mexillón gratuíta. As sete da tarde celebrarase a procesión por terra, recollendo a imaxe da virxe na capela e devolvéndoa á Igrexa. As festas deste ano concluirán coa verbena cargo de Gospin Bufón e a orquestra Marbella e unha gran tirada de fogos de lucería.