A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá 160.000 euros na rehabilitación da Avenida de Mendiño, así como na humanización do contorno do pavillón polideportivo da Marisma. Así se recolle no convenio asinado entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Javier Bas.
Os traballos consistirán, fundamentalmente, na creación dunha beirarrúa perimetral que permita o acceso ao pavillón cumprindo as condicións da normativa de supresión de barreiras arquitectónicas. Para conseguilo, crearanse dúas ramplas para facilitar a accesibilidade desde a parcela contigua de aparcamento. Tamén se repararán as beirarrúas e calzada que existía anteriormente ao pavillón, favorecendo así o tránsito ás persoas con mobilidade reducida.
Ao mesmo tempo, efectuaranse diversas melloras na rede de alumeado público, modificando a posición de postes fóra da beirarrúa, de xeito que se amplíe o espazo destinado aos peóns.
Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia.