A formación nacionalista inicia este venres unha rolda de charlas pola parroquias co obxecto de informar aos veciños das consecuencias que a aplicación do Plan de Regularización aprobado polo Ministerio de Facenda pode ter nas súas economías. Alertan de que a nova normativa obriga a pagar por alpendres, galpóns, pendellos e cortes cando ata o de agora estas construcións estaban exentas deste gravame. Animan aos veciños a informarse e a recorrer naqueles casos nos que sexa posible “para eludir unha normativa manifestamente inxusta”. A primeira das charlas será o venres ás 21:00 horas no Centro Cultural de Cedeira.
O goberno español aprobou en setembro de 2013 unha resolución da Dirección Xeral do Castastro que insta os concellos a revisar as edificacións. Así, todas as instalacións agrarias pasarán a pagar o Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) mesmo aquelas que até o de agora ficaban exentas deste tributo como cortes, galiñeiros, galpóns ou pendellos. A medida suporá un importante impacto para as familias rurais, que deberán pagar unha taxa de regularización de 60 euros ademais de pasar a computar ese elemento como unha construción máis gravada co IBI. Para informar das diferentes situacións ás que pode dar lugar a aplicación desta normativa o BNG inicia unha rolda de charlas informativas que arrancan este venres ás 21:00 horas en Cedeira e que contará coa presenza do portavoz municipal do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo quen cualifica esta regularización de “manifestamente inxusta” e lembra situación esperpéntica “como pretender que os propietarios paguen por pozos ou incluso medas de esterco”. Lembran tamén dende o Bloque que “existen outros mecanismos máis xustos por parte dos concellos para manter actualizado o catastro e destapar os posibles inmobles ilegais sen necesidade de gravar un alpendre ou incluso un pozo”. A campaña que se vai desenvolver baixo o lema “O catastrazo a nova contribución” arranca este venres en Cedeira e ademais de informar achegaráselles aos veciños as posibilidades de recurso ante a aplicación deste Plan.