A moción, presentada polo BNG, foi aprobada por unanimidade e na mesma establécese que se organicen en Redondela unha serie de actos encamiñados a resarcir a memoria histórica e recoñecer expresamente o traballo e apoio das mulleres que colaboraron na mellora das condicións de vida dos centos de presos que pasaron polo penal da Illa de San Simón entre os anos 1936 e 1943. Demándase tamén á Xunta de Galicia que se recupere o carácter de illa da Memoria para o arquipélago.
Na moción presentada polos nacionalistas, o seu voceiro, Xoán Carlos González, facía fincapé no feito de que “hai unha década, recoñecéuselle a San Simón, un destacado papel de recuperación da memoria histórica como Illa da Memoria” carácter que segundo dixo perdeuse en canto chegou o PP ao goberno da Xunta. Foi ese punto o que creou máis debate xa que mentres os grupos da oposición reclamaban que se recupere ese carácter de Illa da Memoria, a voceira do PP, Carmen Amoedo salientaba que “non é incompatible lembrar esa parte da nosa historia e homenaxear aos presos que alí estiveron coa organización doutro tipo de actividades para goce do público”. Dende o PSOE Anabel Rey reclamaba ao goberno local que traballe na organización de actividades que sirvan para concienciar mentes o voceiro de AER, Bernardo Crespo aplaudía que por fin se lle vaia facer un recoñecemento a esas mulleres que no seu día arriscaron a súa seguridade por mellorar na medida do posible as condicións de vida dos presos que estiveron no penal de San Simón. Coa aprobación da moción o concello condena o golpe de estado militar do 36 e da ditadura franquista, aproba “a eliminación, supresión ou anulación dos acordos, distincións e símbolos que reflictan a adhesión e colaboración da institución coa Ditadura” e finalmente establece que se organicen dende a administración local e ao longo deste ano “diversos actos de recoñecemento do labor das mulleres que de xeito desinteresado colaboraron na mellora das inhumanas condicións de vida dos presos de a Illa de San Simón”.