Os veciños da parroquia do Viso, na parte próxima ao monte da Peneda, viviron onte un auténtico inferno por mor dun incendio forestal que comezou con dous focos case simultáneos en Redondela e Soutomaior. O lume arrasou un total de 9 hectáreas e dúas vivendas foron desaloxadas por temor a que o lume lles afectase.
O primeiro foco detectouse ás 16.24 horas na ladeira que baixa até Arcade e o segundo vinte minutos despois, a tan só un quilómetro de distancia, preto do Centro Cultural do Viso. O terreo seco por mor das altas temperaturas do último mes, xunto co vento, fixeron o resto. As lapas propagáronse rapidamente. Preto de vinte vivendas estiveron ameazadas polo lume, e dúas delas foron desaloxadas pola Policía Local por precaución. Nas tarefas de extinción participaron un hidroavión, catro helicópteros, sete brigadas, un axente e catro motobombas, ademais de efectivos do Grumir de Redondela. Na ladeira do monte da Peneda, xa en Arcade, actuaron tres brigadas, un axente, un helicóptero e dúas motobombas, quedando extinguido sobre as seis da tarde. O lume afectou ao muro da capela do monte da Penada e arrasou nove hectáreas, entre as dúas ladeiras, todas de monte baixo. Minutos despois das sete da tarde dábase por controlado o incendio. Ao lugar trasladáronse os concelleiros de Interior, Arturo Fernández, a tenente de alcalde, Carmen Amoedo, a de Obras, María José Barciela, o deputado autonómico Alberto Pazos, os edís socialistas Eduardo Reguera e Digna Rivas. Ademais, tamén se achegou ao lugar o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, quen lembrou o fatídico verán de 2006. Nesta ocasión, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais malia a proximidade do lume con algunhas casas. O concelleiro de Interior de Redondela non quixo facer valoracións sobre a posible orixe do lume, malia que recoñeceu que existen “sospeitas” de intencionalidade, xa que o foco se detectou preto da estrada.