Este domingo, día 14, os veciños e membros da Asociación Deportiva e Cultural de Rande teñen a súa cita anual. Unha festa na que as familias se reúnen para compartir un xantar, e gozar da música e os xogos populares para todas as idades.
Juan Comesaña, presidente da asociación, explica que as actividades comezarán ás 12.00 horas, con música e troula. No xantar non faltarán os mexillóns, a empanada, o churrasco e os criollos, con café e roscón para a sobremesa. Unha xornada “entrañable”, segundo Comesaña, no que os veciños se reúnen para celebrar o seu “día grande”. O lugar onde se celebra esta romaría é tamén moi especial, nunha carballeira fronte ao mar. Un lugar recuperado polos veciños logo da inauguración do Museo Meirande, xa que a zona estaba chea de maleza. Agora é un lugar de espallamento moi agradable onde pasar unha xornada de lecer.