O presidente do colectivo, Félix Cal, lamenta que as actuais políticas forestais non conten con máis orzamento para a limpeza e coidado do monte, o que serviría para previr lumes como os desta semana. E denuncia que non se está a cumprir a normativa de seguridade que obriga aos propietarios a manter limpo o perímetro das vivendas.
No municipio de Redondela arderon nos últimos días máis de 230 hectáreas, nas parroquias de Ventosela, O Viso e Reboreda. Logo de horas de angustia, nas que o lume cercou ducias de vivendas, os veciños fan balance. En Ventosela, unha das zonas máis afectadas polo lume, volveron vivir a pantasma de 2006, cando os incendios asolaron a bisbarra. Nesta ocasión o drama evitouse, grazas a que os efectivos antiincendios “chegaron antes que daquela, e con máis medios”. O presidente da Comunidade de Montes salienta tamén o traballo “admirable” dos veciños e de persoas chegadas doutros puntos da comarca para axudar nas tarefas de extinción. Coincide coas autoridades en que os lumes dos últimos días foron intencionados, coincidindo cunha xornada, a do martes, de forte vento. Pero tamén advirte de “intereses escuros” detrás dos que queiman o monte. A situación de maior angustia deuse pola proximidade do lume ás vivendas. Cal advirte que existe unha normativa que obriga a manter limpa e sen vexetación unha franxa de 10 metros no perímetro das vivendas, 30 metros máis sen especies pirófitas, e ata os 50 metros a franxa de vexetación debe estar “controlada”. Pero esta normativa “non se cumpre”. Desde a Comunidade de Montes lamentan que non exista “vontade política” para esixir aos propietarios que ese perímetro de seguridade se manteña, co que se evitarían “moitos problemas”. Segundo Cal é “unha mágoa” que nin as autoridades nin a sociedade teñan aprendido nada do acontecido en 2006, e esixe “máis medios na prevención dos incendios”. Sinala que é “moito máis barato” manter limpo o monte para que non arda, que apagar incendios de gran magnitude como os que asolan a bisbarra. Os comuneiros entenden que a política forestal debería servir para fomentar a conservación do monte, e promover a eliminación de especies pirófitas, que arden facilmente, como o eucalipto, piñeiro ou acacia. Pola contra, Cal entende que a administración debería promover a reforestación cos árbores autóctonas, frondosas que evitan a propagación do lume, como carballos ou salgueiros. Entende que non se pode facer política forestal “desde un despacho”, e que é preciso o consenso das Comunidades de Montes, propietarios, o sector forestal e a industria para chegar a acordos que permitan preservar o monte. Sinala que non se trata só de velar pola riqueza económica que xera o monte, senón tamén polo valor seu social e ecolóxico, como “pulmóns” do territorio.