Co gallo do 150 aniversario do nacemento do escritor Ramón María del Valle-Inclán, a Biblioteca Municipal organiza o obradoiro “Os lentes de Valle”, dirixido a nenos de 7 a 11 anos. Deste xeito queren render unha homenaxe ao escritor vilanovés que dá nome á biblioteca redondelá.
Un aniversario, polo tanto, moi especial, segundo explica a responsable do centro, María Elena Becerra, co que queren poñer en valor esta importante figura das nosas letras “algo descoñecida para o público máis novo”. Farano cunha actividade “moi divertida” dirixida por Leonor Rodríguez Castro, o venres 19 de agosto, ás 11.00 horas nas dependencias da biblioteca municipal, en colaboración coa Fundación Filomena Rivero. No obradoiro farán un xogo de Trivial sobre a figura do autor, e logo os rapaces elaborarán os lentes e as barbas do escritor, transformándose así nuns “pequenos Valles”. Así mesmo, construirán uns lentes para a figura escultórica do autor que preside a Praza Figueroa, que carece deste complemento tan característico do escritor. Colocaranlle os lentes á escultura e a actividade rematará coa lectura dun fragmento dunha das súas obras. A actividade é de balde, pero as prazas son limitadas, polo que é preciso a inscrición previa. Pode facerse na Biblioteca Municipal, no Multiusos da Xunqueira ou no teléfono 986401561.