O Plan Urbanístico de Redondela está paralizado ao non ter acadado a aprobación do plan ambiental. Os cambios na Lei do Solo obrigan a presentar máis documentación, tal como xa advertira o PSOE redondelán. O concelleiro Leonardo Cabaleiro lamenta esta situación, que volve atrasar un proxecto urbanístico “fundamental” para Redondela.
O Plan Xeral de Ordenación Municipal polo que Redondela leva agardando case 30 anos, e que está en fase de redacción, vén de topar a primeira pedra no camiño. Os técnicos da Xunta de Galicia rexeitaron o plan ambiental presentado, e solicitan máis documentación. O grupo municipal socialista foi o encargado de dar a voz de alarma, ao tempo que lembran que o goberno local “xa fora advertido polos grupos da oposición dos cambios na Lei do Solo”. Cabaleiro Couñago lamenta que, malia que o goberno de Javier Bas sempre dixo que o proxecto “cumpriría coa normativa” a realidade demostra que non ten sido así. Un novo pau para o futuro urbanístico de Redondela, logo de que o goberno popular cancelara o contrato co anterior equipo redactor do PXOM e encargase o proxecto a outra empresa. Para os socialistas isto supuxo non só “un maior gasto para as arcas municipais”, senón tamén unha perda de tempo “ao tirar ao lixo todo o avanzado”. O novo equipo redactor comezou o traballo a mediados de 2015, e un ano máis tarde o plan está “paralizado” na primeira fase, xa que coa nova Lei do Solo en vigor, o plan ambiental non conseguiu a aprobación da Xunta. A falta de PXOM, o urbanismo no municipio de Redondela segue a rexerse por unhas normas subsidiarias que datan do ano 1987. Para o PSOE redondelán esta situación é unha mostra máis “da improvisación” e da “falta de planificación” do PP, ademais dun aumento do gasto de diñeiro público “debido á súa mala xestión”. O edil Leonardo Cabaleiro engade outros exemplos, como o Plan de Tráfico prometido hai anos polo goberno local e que aínda non se presentou, ou o Centro de Día de Cesantes, un edificio rematado en 2012 pero que segue sen abrise ao público e que presenta un evidente estado de deterioro.